img
 

Camiño do Miño

 

 

DESCRIPCIÓN:

Fermosa ruta que discorre polo concello de Outeiro de Rei ao longo de 18 km, parte deles a carón do río Miño, e atravesa todo o municipio dende o límite co concello de Castro de Rei ata o límite co concello de Lugo. Atopámonos no corazón da Reserva da Biosfera Terras do Miño, área natural protexida de grande interese medioambiental, etnolóxico e cultural. Nas beiras do Miño agárdanos unha gran riqueza paisaxística, na que destaca a variedade de especies arbóreas autóctonas como carballos, castiñeiros, salgueiros ou bidueiros. Asemade, os bosques dan acubillo a abundantes poboacións faunísticas de todo tipo, destacando os pequenos e grandes mamíferos (raposo, corzo, xabarín, marta…), aves (patos, garzas, aves rapaces…), réptiles e anfibios (culebra de auga, rá de San Antón, píntega…).
No noso percorrido tamén poderemos observar as Insuas do Miño, illas situadas no leito do curso fluvial que contan con frondosas fragas e lagoas interiores nas que existe unha importante flora e fauna de ecosistemas acuáticos, con especies protexídas e bioindicadores da calidade das augas, como a lontra, o aguaneiro (desmán ibérico) ou mexilón de río.
O abundante patrimonio histórico-artístico e etnográfico é outro dos grandes valores da ruta, podendo achegarnos a igrexas como as de Cela e Santa Mariña, antigos muiños como os de Pedragoso, Felpás e o de Santa Isabel, gran cantidade de caneiros (antigas estructuras utilizadas para a pesca da anguía) e incluso algún batuxo (barcas tradicionais case desaparecidas). Na nosa andaina tamén gozaremos de lugares de esparexemento tan emblemáticos desde concello como son o Campo de Santa Isabel, o Salto do Piago, ou a Ponte Colgante de Parada.

TRAZADO:

Premer para ir á ruta

Premer para ir á ruta

Distancia:

18 km.

Duración estimada:

04:00:00

GALERÍA DE IMAXES: